Saltar ao contido

Patroclo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Patroclo

Tipopersonaxe da mitoloxía grega Editar o valor en Wikidata
Obra
Biografía
Lugar de falecementoTroia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaAchilleion (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Circunstancias mortemorte en combate Editar o valor en Wikidata
Asasinado porHeitor Editar o valor en Wikidata
Sexohome Editar o valor en Wikidata
Actividade
ConflitoGuerra de Troia Editar o valor en Wikidata
Familia
PaiMenecio Editar o valor en Wikidata
ParellaAquiles e Iphis (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Descrito pola fonte
Contacto
RedesBNE: XX548981
Wikidata ]

Na mitoloxía grega, Patroclo (en grego antigo: Πάτροκλος, lit. 'gloria do pai')[1] era un dos heroes gregos que interviñeron na guerra de Troia, sendo este unha importante personaxe na Ilíada de Homero. Nado na Lócrida Opuntia, Patroclo era fillo do argonauta Menecio. De neno, após o infanticidio de Clisónimo, foi exiliado da súa cidade natal e adoptado por Peleu, rei de Ftia. Aí, sería criado xunto a Aquiles, fillo de Peleu, un amigo da infancia que se convertería no seu compañeiro de armas e amante.[2][3] Cando o rumbo da guerra se tornou na contra dos aqueos, Patroclo, vestindo a armadura de Aquiles e desafiando as súas ordes de retirarse a tempo, liderou aos mirmidóns na batalla contra os troianos, sendo finalmente asasinado polo príncipe Heitor. Irado pola morte de Patroclo, Aquiles pon entón fin á súa negativa de loitar, resultando en importantes vitorias para os gregos.

O nome latinizado de Patroclo provén do grego antigo Pátroklos (Πάτροκλος), que significa "gloria do seu pai", composto por πατήρ (patḗr, "pai") e κλέος (kléos, "gloria").

Descrición e familia

[editar | editar a fonte]

No relato de Dares Frixio, Patroclo foi descrito como "... aposto e de complexión poderosa. Os seus ollos eran grises. Era modesto, confiábel, sabio, un home ricamente dotado."

Patroclo era fillo de Menecio (polo que tamén se lle chamaba Menoetíades (Μενοιτιάδης), que significa "fillo de Menecio")[4] e a súa nai foi, segundo distintas versións, Filomela,[5] Polímela, Esténela, Periopis, ou finalmente Damocratea. A súa única irmá era Mirto, nai de Eucleia con Heracles. Homero tamén menciona a Menecio como o individuo que entregou a Patroclo a Peleu.[3] Menecio era fillo de Áctor, rei de Opunte en Lócrida, e de Exina, filla de Asopo.

Patroclo era curmán segundo de Aquiles a través da súa conexión paterna con Exina, xa que Aquiles era fillo de Peleu e neto de Éaco, fillo de Exina e Zeus.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Malia que ó comezo do poema Patroclo permanece como esa figura secundaria, silente, que sempre está ó carón de Aquiles, as liñas da acción dispostas polo poema desde o inicio comportarán que, forzado el mesmo pola penuria aquea, Aquiles envíe a Patroclo (canto 11) á tenda de Néstor coa excusa de saber quen é o ferido que levan fóra do campo de batalla. Aquí é cando comeza a ruína de Patroclo, o principio do seu final. Despois dun rodeo caracteristicamente épico, Patroclo chega no canto 16 de novo xunto a Aquiles, chorando, anguriado pola situación que acaba de ver cos seus propios ollos e portando as palabras de Néstor aínda nos oídos: é necesario ceder e reinserirse na batalla. É así como Aquiles cede a medias, e este "a medias" é, á súa vez, a súa propia ruína: Patroclo marchará para morrer á fronte dos mirmidóns. No asunto da morte de Patroclo conflúen os dous arcos de acción que definen a estrutura do poema: por unha banda, na súa morte a "mênis" inicial acada a súa fin, pois con Patroclo morre Aquiles mesmo; por outro lado, é aquí onde comeza o segundo arco, o da reinserción de Aquiles e, así, a decisión dos asuntos fundamentais e dados por suposto do poema. A morte é a escenificación de para onde conduce o camiño do esquecemento dos propios límites: Patroclo non coidou a advertencia de Aquiles e, indo demasiado lonxe, foi golpeado por Apolo. O golpe de Apolo é a exposición do home ó seu destino: Patroclo volve ser un home, é dicir, vulnerable e exposto á morte. Espido, é branco fácil para Heitor, que, iniciando así tamén a súa propia catástrofe, arrebata a Patroclo as armas de Aquiles.

A morte de Patroclo é a catástrofe principal de todo o poema, o núcleo da viraxe, a "metabolé" da acción. A dor que Aquiles experimenta fai que todo o aspirado, pretendido e válido ata o momento perda o seu sentido: Aquiles retorna á loita, e faino para non outra cousa que asumir a súa propia morte. Interesante a este respecto é o diálogo que en soños manteñen Aquiles e Patroclo no canto 23:

"Dormes, e de min esquecícheste, Aquiles. (...)
Sotérrame o máis rápido posible, para que atravese as portas de Hades!
Lonxe apártanme as almas, as imaxes dos que ata a morte se esforzaron. (...)
Dáme a túa man! Suplícocho! Pois non
de novo regresarei do Hades..."

E tamén, en tanto que expresión da tortura psicolóxica na que Aquiles vive dende a morte de Patroclo, as palabras no canto 18:

"Miña nai, estas cousas o Olímpico levou á súa fin,
no entanto, que pracer hai para min despois de que morrera o compañeiro
propio, Patroclo, a quen eu sobre todos os demais estimaba
igual ca a min mesmo? Perdino..."
  1. Pronuncia segundo o alfabeto fonético internacional: /paˈtɾoklo/. Πάτροκλος, romanizado: Pátroklos.
  2. "Plato, Symposium" (en inglés). 
  3. 3,0 3,1 "Ilíada". Consello da Cultura Galega. 
  4. "Charlton T. Lewis, Charles Short, A Latin Dictionary" (en inglés). 
  5. Tzetzes, John (2015). Allegories of the Iliad. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • J. LATACZ: Homer. Der erste Dichter des Abendlands, 1985 Düsseldorf.
  • K. REINHARDT: Die Ilias und ihre Dichter, 1961 Göttingen.